Friday 10 de May de 2024

Ángel Alvariño, reelexido alcalde de Neda tras revalidar a súa maioría absoluta


Promete dar continuidade “á senda de progreso” iniciada polo concello hai oito anos

Ángel Alvariño Saavedra, cabeza de lista do PSOE nas últimas eleccións municipais, tomaba posesión este mediodía como alcalde do Concello de Neda, tras obter a maioría absoluta dos votos emitidos polos
concelleiros da recén constituída corporación local. O rexedor comprometeuse a continuar “aínda con máis intensidade” a senda de progreso iniciada oito anos atrás, e tendeu a man á oposición para traballar polo futuro de Neda.

Nunha concorrida sesión plenaria, desenvolvida na Casa da Cultura, constituíse, tras cumprirse os trámites de rigor e, unha vez prometidos os cargos, a nova corporación municipal, integrada desta volta por 11 concelleiros e concelleiras (6 do PSOE, 2 do PP, 2 do BNG e 1 de Moveneda), entre eles, cinco debutantes. Edís que tiveron como primeira encomenda a elección do alcalde para os próximos catro anos.

Cada formación con representación optou por votar ao seu candidato, acadando o socialista Ángel Alvariño a maioría absoluta dos votos para ser investido. Así, revalidaba o cargo que ostentou nos dous últimos mandatos.

Na súa primeira intervención, e tras os agradecementos á veciñanza, á familia, ao equipo e ás anteriores corporacións, mostrou o seu orgullo por poder ostentar a alcaldía e por ser depositario da confianza do pobo de Neda.

Alvariño comprometeuse a “continuar, aínda con máis intensidade se cabe, co impulso acadado desde o ano 2015”, servindo ao conxunto da veciñanza.
“Esforzarnos todo o posible para construír un concello de progreso, dinámico, transparente e con maior calidade de vida”, subliñou, antes de tender a man á oposición. “Queremos facer partícipes da nosa acción de goberno aos distintos grupos que forman parte da corporación”, asegurou, engadindo que seguirá gobernando “coa porta aberta aos veciños e veciñas”. O pleno finalizaba coa interpretación do Himno Galego.